Friday 03 de May de 2024

Sánchez Bugallo valora positivamente os investimentos para Santiago recollidos nos Orzamentos Xerais do Estado


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, congratulouse polos 120 millóns de euros que recibirá Santiago a través dos Orzamentos Xerais do Estado, unha cifra que calificou como “unha dotación económica extraordinariamente importante que contempla os investimentos prioritarios para o Concello”.

Entre os compromisos recollidos no proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado, o rexedor destacou a partida de 54,34 millóns de euros dedicados á autovía A-54 que unirá Santiago con Lugo e que “permitirá o remate das obras do tramo Melide-Palas no 2023 e Arzúa-Melide no 2024”. Tamén se mostrou moi satisfeito coa achega de 10,1 millóns que permitirá a finalización en 2024 das obras do Orbital, que conectarán a AP-9 e a A-54 mellorando as comunicacións entre os polígonos empresariais do norte da cidade, así como de 500.000 euros cos que se poderá sacar a licitación o Orbitaliño, que unirá a obra antedita coa N-550, unha vez sexa aprobado o proxecto.

O rexedor tamén salientou os compromisos orzamentarios adquiridos para a construción do edificio de viaxeiros da terminal do AVE de Santiago, prevista para o 2024 por un importe de 12,6 millóns de euros, así como a partida que irá dirixida á remodelación da Casa Cuartel da Garda Civil por un importe de 1 millón de euros, que permitirá unha vez aprobado o proxecto, sacar as obras a licitación pública en 2023. Tamén citou a apertura das novas sedes da Casa da Ciencia e do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, ambas dependentes do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), por un total de 3,1 millóns de euros.

Sánchez Bugallo tamén valorou positivamente o investimento estatal de 4,76 millóns de euros dedicados ás melloras nos sistemas de seguridade e operatividade de voos que se levarán a cabo no aeroporto da cidade “que permitirá ao aeródromo adaptarse ao enorme fluxo de viaxeiros e tráfico áereo que está a experimentar nos últimos meses”. Ademais, os orzamentos xerais contemplan unha partida de 5 millóns de euros para o Consorcio de Santiago, que o rexedor calificou como “moi salientable” por tratarse “da primeira vez desde 2011 que se incrementa”, aínda que a calificou como unha “subida modesta”.

“Outras partidas non especificadas no PGE pero que están comprometidas e aprobadas con cargo aos fondos europeos son os 13,4 millóns de euros para a rehabilitación do Hostal dos Reis Católicos, os 3 millóns de euros para a rehabilitación do Pazo de Raxoi, os 4 millóns de euros para a construción da Plataforma Loxística e 840.000 euros para a recuperación do bosque do Banquete de Conxo”.

O alcalde amosouse “moi satisfeito” co incremento dun 8% das pensións xa que “permitirá unha mellora na calidade de vida dos arredor dos 24.000 composteláns e compostelás que perciben esta prestación”.